domingo, 18 de outubro de 2015

Unha historia con imaxes e miradas.




Amama de Asier Altuna é unha película dura, con personaxes realistas, do mundo rural. Podería ser perfectamente o rural galego, de feito asemellase bastante. Un auténtico poema de árbores, mans cansadas de traballar, e poesía, moita poesía no cabelo e no eterno silencio da avoa. A Amama Juliana, que entendía Amaia que para ela o día do Xuicio Final era o fin dos caseríos vascos, dun xeito de vida que estaba a mudar coas estradas, edificios, coches… De feito o director nunha entrevista di: "He vivido esa ruptura entre generaciones y he visto ese mundo que se acaba, el paso a la ciudad; de hecho, mi amama decía que, cuando la ciudad venga, nosotros estaremos desaparecidos y será el anticristo" (Eldiario). É precisamente a avoa, tamén, o fío de todo, e mesmo o que une o mundillo do audiovisual de Amaia co seu mundo do Euskadi rural.

Pero o máis importante é que contase moito case sen falar, con miradas, con silencios, con recordos, co sentir, cos actos...e non só se trata de ver o abismo que pode haber entre estes dous mundos (o rural e a cidadade) senón que se busca un equilibrio xa que Amaia non acepta aquelas costumes que lle parecen erradas por parte do pai. E mesmo berra ante o silencio da nai e esa imposición de subordinación e acatamento en canto ao que dispón o “home”, de ideas inamovíbeis. De feito, trata de romper con esa sociedade patriarcal que se perpetúa no caserío, de aí que cada árbore que sae de cotío no bosque veña representada coa súa cor, cun significado, candasúa, puro simbolismo:  a Gaizka tócalle o vermello que é a paixón e é el, o VARÓN que herda o caserío aínda que emigra e non segue coa tradición; a Xabier, o branco, sinónimo de pureza aínda que o que o define é a vagancia, e a Amaia, o negro: a rebeldía a maldade, o demo... Curioso? Sorprendente que a unha muller se a tilde con tanta negatividade? Non, estamos acostumados, outra impostura máis da nosa sociedade. E por iso que Amaia ao cortar o pai a súa árbore colle as pinturas e pintaos un pouco de cores variadas. Como símbolo de loita e, si: rebeldía.

De feito está tamén tan presente a masculidade no mundo rural vasco que os conflitos entre pai e filla serán bastante violentos. Mais é grazas a forza de Amaia e ao final, á apertura dos pais, como se irán mudando as cousas aínda que Amaia non quere romper de todo con iso senón melloralo. Seguir aprendendo, malia que as mans de Xabi (fillo) e Tomás (pai) non se asemellen en nada: unha chea de feridas e facturas que o traballo diario pasa e outra impoluta.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Licencia Creative Commons